A Xunta ocultou estudos da pandemia dende Xuño O goberno galego tivo ocultos dende xuño os resultados da segunda parte do seu estudo de seroprevalencia

Imaxe de arquivo, test de seroprevalencia
Imaxe de arquivo, test de seroprevalencia

Entre o 22 de abril e o 8 de maio, a Xunta desenvolveu a primeira vaga do seu estudo de seroprevalencia da CVID-19, esgrimido dende o Goberno de Alberto Núñez Feijóo como mostra de eficacia na loita contra a pandemia en comparación co Goberno de España, pero tamén entre protestas do persoal sanitario pola carga de traballo que supuña e mais polos receos que suscitaban o tipo de test empregados. A finais de maio, a Consellería de Sanidade publicou os resultados da primeira onda: en ningunha área sanitaria tivera contacto co virus máis do 2% da poboación, unha escasísima prevalencia que, non obstante, implicaba tamén que o Sergas apenas detectaba un terzo dos contaxios reais.

A Xunta tivo ocultos dende xuño os resultados da segunda parte do seu estudo de seroprevalencia, que agora accedeu a remitir ao Parlamento e que estima que apenas un 1,2% da poboación galega estivera exposta ao virus

Malia aos devanditos receos do persoal sanitario, que tamén vía redundante o estudo por desenvolverse en paralelo ao do Ministerio de Sanidade, a Xunta puxo en marcha a segunda onda do seu propio estudo entre o 1 e o 20 de xuño. Para facelo, contactou con 62.728 persoas -na primeira vaga foran 61.836- das que 42.366 acudiron a facer o test rápido de anticorpos -na primeira, responderan 44.996-. Entre a poboación participante non estaban incluídas as persoas residentes en centros de maiores.

Naqueles días, o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anunciaba que “nunha semana” o seu departamento publicaría os resultados. Pero iso non sucedeu. O Goberno galego mantivo ocultos durante máis de catro meses unhas cifras que, con algunhas variacións, volven indicar que o Sergas apenas lograra detectar ata ese momento aproximadamente un terzo dos contaxios que estima como reais, e que apenas o 1,2% da poboación estivera exposta ao virus.

Así fica reflectido no informe final do estudo, que o pasado mes de outubro Sanidade accedeu a enviar ao Parlamento. Ese envío produciuse nos primeiros días de novembro e Praza.gal tivo acceso ao contido íntegro do informe, un documento de 24 páxinas elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública no que se estima, a partir das conclusións das dúas ondas, que “entre 27.000 e 30.000″ persoas tiveran “contacto coa infección” por SARS-CoV-2 en Galiza ata ese momento.

A cifra estimada de persoas contaxiadas é inferior na segunda vaga que na primeira, realizada máis dun mes antes, aínda que Saúde Pública non ve “cambios relevantes” entre ambas

A cifra exacta á que chega a segunda vaga do informe é de 26.887 persoas dentro dun intervalo de entre 23.779 e 29.994. Na primeira vaga, como amosa o propio estudo, os cálculos concluíran que até maio tiveran contacto co virus entre 27.177 e 33.522, cun cálculo final dunhas 30.349. Daquela, os grandes números son inferiores na segunda vaga que na primeira, se ben Saúde Pública considera que, en termos estatísticos, non existen “cambios relevantes entre as dúas ondas”.

Ata o devandito día 20 de xuño, a cantidade de contaxios reais detectada polo Sergas era apenas un terzo dos estimados polo estudo de seroprevalencia. Concretamente, os casos acumulados até ese momento eran 11.919. Na actualidade superan xa as 40.000 persoas, das que 969 faleceron.

As cifras do estudo do Sergas son notabelmente inferiores ás calculadas no estudo do Ministerio de Sanidade, o ENE-Cvid, cuxas primeiras porcentaxes para Galiza xa triplicaban a estimación de persoas expostas ao virus á que chegara o Sergas. Na terceira rolda deste estudo estatal -nestes días está a iniciarse a cuarta-, as conclusións apuntaban a que case 65.000 persoas tiveran contacto co virus en Galiza.

Sen marxe ningunha para a inmunidade de grupo

“O valor da prevalencia da positividade en Galiza é tan baixo que non se pode contar con practicamente ningunha protección derivada da inmunidade de grupo”, di a frase que constitúe a única conclusión do estudo

As estimacións de persoas expostas ao virus ás que o Sergas chegou co seu estudo levan a Sanidade a una única e breve conclusión, dunha única frase, segundo o informe que vén de entregar ao Parlamento tras catro meses oculto. “Os resultados derivados das dúas ondas indican que o valor da prevalencia da positividade en Galiza é tan baixo que non se pode contar con practicamente ningunha protección derivada da inmunidade de grupo”, sinala o informe como conclusión única do documento, datado no día 24 de xullo polo Servizo de Epidemioloxía do Sergas.

Esta conclusión é común para as dúas vagas do estudo aínda que as súas cifras presenten as devanditas variacións tanto nos totais xerais como por idades e zonas xeográficas. Así, explica o informe, “a prevalencia de positividade é menor” entre a poboación menor de 20 anos en ambas ondas e na segunda, “aumenta coa idade” entre os homes. Máis concretamente, os resultados até agora ocultos estiman que o 0,28% da poboación menor de 18 anos tivera daquela contacto co virus e, no resto da poboación, a proporción sería de arredor do 1%.

En calquera caso, Saúde Pública non concede excesiva importancia ás diferenzas de resultados por idades. Concretamente, advirte no resumo final do informe de que “as diferenzas entre as prevalencias dos distintos grupos de idade e entre homes e mulleres non son en absoluto relevantes, tanto na mesma onda” como entre as dúas ondas do informe.

Saúde Pública non ve detalles relevantes nas diferenzas xeográficas dos resultados do estudo, alén de que “a prevalencia é maior canto maior é a densidade de poboación da zona de residencia”

Nesta mesma liña, Saúde Pública tampouco ve especialmente relevante as variacións da exposición ao virus por áreas xeográficas que, non obstante, si describe. Así, indica un cambio “no patrón xeográfico” na segunda onda do estudo, no que as provincias da Coruña e Pontevedra substitúen á de Ourense como as de maior prevalencia. Nesta segunda onda tamén sinala que Santiago “é o único concello dos sete grandes que supera o 2%” e que é salientábel a prevalencia na comarca de Valdeorras, cun 1,05%. Por áreas sanitarias, as maiores porcentaxes de poboación exposta ao virus até ese momento serían as de Santiago-Barbanza e Vigo e, aínda así, ningunha delas supera o 1,3%.

Prevalencia da CVID-19 até o 20 de xuño segundo o estudo da Xunta por comarcas ou agrupacións de comarcas CC-BY-SA Sergas

De calquera xeito, para o Servizo de Epidemioloxía do Sergas os número tamén poden resumirse dun xeito sinxelo. “A prevalencia é maior canto maior é a densidade de poboación da zona de residencia da persoa“. Ademais, agrega ao analizar as variantes socioeconómicas da mostra do estudo, “as maiores prevalencias obsérvanse en traballadores de centros sanitarios e, en menor medida, nos de centros sanitarios e nas persoas con síntomas de infección respiratoria aguda”. Dende a conclusión da toma de mostras do estudo, o 20 de xuño, o Sergas detectou 28.621novos casos na pandemia e non consta, cando menos publicamente, que o Goberno galego tomase decisións de loita contra a pandemia baseadas neste estudo, agora remitido ao Parlamento.

Con información de praza.gal e David Lombao

Sé o primeiro en comentares!

Deixa un comentario