Moción de censura ao PP en Fene, gobernará o BNG

O documento cumpre co requisito de contar coa maioría absoluta dos membros da corporación e a aceptación expresa do candidato á alcaldía Juventino José Trigo Rey

Juventino Trigo, BNG
Juventino Trigo, BNG

Os concelleiros dos grupos municipais da oposición no concello de Fene presentaron na mañá deste venres unha escrito-moción de censura contra o alcalde do Partido Popular, Gumersindo Galego e propondo como próximo alcalde a Juventino Trigo Rey do BNG que xa anteriormente fora o primeiro edil do concello fenés.

Sinalan os edís asinantes da moción que «o documento cumpre co requisito de contar coa maioría absoluta dos membros da corporación e a aceptación expresa do candidato á alcaldía Juventino José Trigo Rey para proceder a súa convocatoria, debate e aprobación».

Exposición de Motivos

Os asinantes do documento sinalan nel toda unha serie de motivos que lles levaron a presentar a moción.

«O pasado 26 de maio tiveron lugar as eleccións municipais. Na votación da alcaldía foi electo o candidato do PP con 6 votos fronte aos 7 votos ao candidato do BNG que sumou aos seis do grupo nacionalista e o da concelleira de EU- EU. A lei actualmente indica que en ausencia de maioría absoluta é alcalde o candidato da lista máis votada. Esta circunstancia xerou que o alcalde popular iniciou un mandato sen apoios suficientes para desenvolver o seu programa de goberno.

Pasados escasos días da elección do Alcalde, o Concello de Fene parou en seco a actividade e xestión administrativa. O goberno de Fene nomeado polo Alcalde popular foi incapaz de impulsar actividades e proxectos máis aló do que viña facendo por inercia. Foron tan negativos os primeiros meses do goberno do PP en Fene que en decembro do 2019, en só seis meses, conseguiron que toda a oposición esixíralle a dimisión».

Abandono do propio PP

Os asinantes indican que «sabemos que o propio PP abandonou á súa sorte ao goberno local de Fene sendo máis que evidente a falta de apoio político e institucional.

Estamos por tanto ante un goberno agónico, sen orientación, sen apoio interno nin externo e cunha xestión moi negativa para o pobo de Fene.

Non imos reproducir os datos e os debates que xa produciron no Pleno de Decembro de 2019 onde se manifestou a nefasta xestión do Alcalde popular e onde quedou dobremente ratificada a esixencia do Pleno para que dimitise, démoslle a oportunidade de marchar con certa dignidade, hoxe #ante a súa resistencia imos botar».

Sinalan no escrito toda unha serie de «mal goberno» e actuacións do alcalde coa firma de resolucións «contrarias aos intereses municipais» acusándoo de «ineficaz», «incapaz de contratar conforme á lei, incapaz de negociar, incapaz de acordar co persoal municipal, incapaz de dirixir as propias competencias da administración local, sen capacidade de xestión con outras administracións e cun incumprimento flagrante de todo o que dixo ía facer na campaña electoral do 2019 e na moción de censura de 2018. En definitiva un Alcalde inhabilitado pola realidade cotiá».

Un goberno digno

«Fene debe ter un goberno digno e capaz, encabezado por un alcalde que non nos avergoñe, un Concello con proxectos de futuro, cunhas contas e unha economía saneadas, que cumpra as normas de contratación, que a transparencia e a igualdade de oportunidades sexan o primeiro, un goberno en definitiva que cumpra co conxunto da veciñanza de Fene e unha alcaldía que nos represente a todos e todas·.

O acordo entre os Grupos municipais do BNG, PSdeG e Mixto EU-EU é un acordo natural, enmarcado dentro dos acordos das nosas organizacións políticas e que hoxe ratificamos para desenvolver un programa de goberno que xa foi validado pola maioría do pobo de Fene. Foron 4.274 as persoas que nos votaron un 62,7% , e que saben perfectamente cales foron as propostas coas que nos presentamos ás eleccións e como é lóxico trasladaremos a un acordo de goberno que publicaremos despois de dar este primeiro paso» indican no escrito solicitando a moción que debe debaterse nun prazo de dez días.

Sé o primeiro en comentares!

Deixa un comentario