Os Franco aceptan entregar momentáneamente o Pazo de Meirás Os Franco aceptan entregar o Pazo tras o anuncio do Goberno central de que ía pedir a execución provisional da sentenza que os obriga a devolvelo

Pazo de Meirás nunha acción simbólica do BNG
Pazo de Meirás nunha acción simbólica do BNG

A familia Franco acepta entregar o Pazo de Meirás de forma provisional ao Estado ata que se resolva o recurso que presentou contra a sentenza que os obriga a devolvelo ao patrimonio público e que declarou nula a doazón do inmoble efectuada en 1938. Así o aseguran os herdeiros do ditador nun escrito enviado ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, segundo puido confirmar Praza.gal por fontes xurídicas no proceso, no que advirten de que non se oporán á solicitude de execución provisional do ditame da xuíza.

Foi o pasado xoves cando o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, anunciou  que o Goberno central ía solicitar xa a execución provisional da sentenza que devolve ao patrimonio público o Pazo de Meirás. Ante a espera a que se resolva o recurso de apelación dos Franco, que podería dilatar a entrega efectiva das Torres “un ou dous anos”, o Executivo decidiu pedir que se executase xa o ditame para que sexa o Estado quen teña a xestión e non a Fundación Franco.

Segundo os detalles do escrito presentado polos Franco o pasado martes, aos que tivo acceso La Opinión , a familia do ditador asegura terse enterado pola prensa desta solicitude do Goberno central e advirte de que “non ten intención de opoñerse” a ela, polo que levará a cargo “voluntariamente a obriga de entrega” do Pazo ao cargo do Estado, aínda que sempre “co referido carácter provisional e a expensas de como se resolva o recurso”.

A familia do ditador enviou un escrito ao xulgado onde advirte de que non se oporá á devolución “provisional e a expensas de como se resolva o recurso”

A sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, do pasado 2 de setembro, declarou a nulidade da doazón efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma”. E aclaraba que ese agasallo impulsado pola Xunta Pro Pazo ao ditador non lle fora concedido “a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado”, razón pola que a propiedade é estatal non da familia do ditador, que  recorreu a sentenza ante a Audiencia Provincial, considerándoa “notoriamente parcial, nesgada e tendenciosa”.

A xuíza Marta Canales concluía, ademais, que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade.

En relación a este extremo, afirmaba a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción” levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”.

“Ningunha operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que defenden os demandados. O Pazo de Meirás entregouse á Xunta Pro Pazo do Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Xunta o 5 de agosto de 1938 e o Xunta Pro Pazo fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista [Manuela Esteban Collantes e Sandoval] xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra”, sublíñase na resolución.

praza.gal

Sé o primeiro en comentares!

Deixa un comentario